Piden a dimisión do director xeral de Xustiza por cuestionar os horarios dos funcionarios
Por Redacción & Natalia Puga
O sindicato CIG sumouse este venres ás centrais sindicais e traballadores da Audiencia Provincial de Pontevedra que nos últimos días cuestionaron as declaracións do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, sobre o trato recibido polos integrantes do xurado no xuízo polo coñecido como crime da rozadoira, ao asegurar que "na Xunta trabállase ata as tres da tarde, como mínimo, todos os días. Non sei se nos xulgados farán o mesmo".
Esta central sindical esixe ao director xeral que pida desculpas publicamente aos funcionarios de Xustiza ou dimita e sostén que se hai que pedir responsabilidades a alguén en relación con este tema é a el "como máximo responsable dos medios persoais e materiais precisos para acadar unha xustiza áxil e de calidade, aberta ao cidadán".
A orixe da polémica foi o trato recibido polos membros do xurado do citado xuízo, que estiveron dous días enteiros deliberando e incomunicados, non lles deron nin botellas de auga e, cando tiveron que quedar a durmir nun hotel por obriga da función asumida, atopáronse ás tantas da noite sen cuarto reservado nin nada para cear.
Desde a Audiencia xa se deu a coñecer o malestar ese mesmo día, a deputada socialista Patricia Vilán levou o tema ao Parlamento e un integrante do xurado presentou unha queixa formal. Finalmente, o director xeral falou do tema en sede parlamentaria e realizou esas declaracións que non paran de xerar críticas.
Os sindicatos UGT, Alternativas na Xustiza e Sindicato de Traballadores/as da Administración de Xustiza (STAJ) e o presidente da Sección Segunda da Audiencia, Xosé Xoán Barreiro Prado, xa amosaron a súa perplexidade e enfado por estas afirmacións e agora desde a CIG, ademais, lémbranlle ao director xeral que é necesario que dote á Xustiza galega de máis medios persoais e tecnolóxicos.
Ademais, consideran que debe promover a prevención de riscos laborais e solucionar problemas como a aplicación da Lei de protección de Datos, que "brilla pola súa ausencia", ou a falta de seguridade nos edificios xudiciais.
"Convidámolo a que se pase polos xulgados e pregunte a todo o persoal de Xustiza (xuíces, letrados, funcionarios) sobre as problemáticas que se viven día a día, co fin de melloralas, en lugar de increpar aos mesmos, cando son eles os que realmente agora están a levantar o traballo dos xulgados", sosteñen desde o sindicato nacionalista.
Relacionadas:
-
Así cambiou a atención aos xurados na Audiencia: de dous días sen auga nin comida decente a un trato atento
Por Natalia Puga |
-
Alfonso Rueda pide desculpas en nome da Xunta pola desatención do xurado popular no xuízo do crime da rozadora
Por Redacción |
-
Rueda responderá no Parlamento á polémica sobre o trato ao xurado na Audiencia
Por Redacción |
-
As "andrómenas" do director xeral de Xustiza, que cuestionou o traballo dos funcionarios e causou enfado na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios de Xustiza piden a dimisión do director xeral pola polémica dos xurados da Audiencia
Por Redacción |
-
Xustiza culpa á Audiencia da deficiente atención ao xurado do crime da rozadoira
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE leva ao Parlamento os problemas vividos polos xurados: "Vai depurar responsabilidades a Xunta?"
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |