Unha muller de 69 anos falece afogada nunha praia da Illa de Arousa
Por Redacción
Unha muller de 69 anos de idade faleceu ao mediodía deste venres mentres se bañaba na praia de Riasón, na Illa de Arousa, segundo confirmou a Garda Civil.
Os feitos ocorreron sobre as 13.30 horas deste venres. A muller foi sacada da auga con síntomas de afogamento e, a pesar de que unha patrulla da Garda Civil tentou reanimala aplicándolle a técnica de RCP, finalmente faleceu afogada.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, as chamadas das testemuñas permitiron activar un operativo de emerxencia e despregar a Salvamento Marítimo, os Gardacostas de Galicia, Urxencias Sanitarias de Galicia e a Garda Civil.
Ademais, ata o lugar achegouse a Policía Local e foi mobilizado un helicóptero, pero xa non foi necesaria a súa intervención.
Desde o 112 tamén aclaran que ata o momento descoñécense as causas do ocorrido.