Interveñen 1.500 paquetes de tabaco de contrabando no Porto de Marín
Por Redacción
A Garda Civil incautou 1.500 paquetes de tabaco de contrabando que transportaba un barco pesqueiro inspeccionado no Porto de Marín.
Dentro dos controis establecidos polo Resgardo Fiscal da Garda Civil, coordinados pola Unidade de Análise de Riscos (UAR) da Aduana de Vigo, para evitar a comisión de infraccións de contrabando de tabaco nos portos da provincia, o pasado xoves 30 de maio os efectivos do Posto Fiscal de Marín, a Patrulla Fiscal e a ODAIFI (Oficina de Análise e Información Fiscal), levaron a cabo a inspección dun pesqueiro que procedía de países extracomunitarios.
O achado produciuse durante a visita denominada como de entrada e fondeo, que ten por finalidade o recoñecemento de equipaxes e partes comúns do buque,
Na inspección os axentes atoparon tres caixas que contiñan os 1.500 paquetes de tabaco sen declarar, que estaban almacenadas na bodega do barco.
En presenza do inspector do buque, procedeuse á incautación do tabaco e levantouse a correspondente acta de aprehensión por unha presunta infracción administrativa de contrabando, que se remitiu á Dependencia Provincial de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, onde se incoará o correspondente expediente sancionador.