Voluntarios contra as especies invasoras en Ons
Por Redacción
O proxecto Lewo (Life Evergreen with Volunteers) para conservar o patrimonio natural chegou esta fin de semana á Illa de Ons.
A Xunta de Galicia impulsa as intervencións neste espazo natural ao amparo desta iniciativa que se está desenvolvendo entre marzo e xuño en dez hábitats protexidos da nosa comunidade: os bosques do Eume e Mandeo; os parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés, o dos Ancares e da Serra da Enciña da Lastra; as dunas de Corrubedo; e o parque nacional das Illas Atlánticas, formado polas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora.
Ao redor de 100 persoas entre os 18 e 30 anos de idade forman parte dos grupos de voluntariado que están a intervir nestas contornas.
No que respecta a Ons, están a realizar accións voluntarias tales como retirar especies invasoras como a Arctotheca Calendula.
Este programa cumpre varios obxectivos. Por unha banda, axuda a potenciar o patrimonio natural galego e fomenta o respecto por nosa paisaxe e medio ambiente; e, por outro, favorece a implicación da mocidade no coidado da natureza e impulsa un voluntariado inclusivo e con vocación formativa.