Vilaboa, sinónimo de bo viño
Por Redacción & Diego Torrado
Para aguantar o sol e a calor vivida este sábado 1 de xuño, que mellor que un bo viño. Iso deben pensar esta fin de semana os veciños de Vilaboa, que por oitavo ano gozan da Mostra do Viño.
Toda unha fin de semana de exaltación dos caldos locais aderezado dunha amena programación para gozar en boa compañía.
As casetas de degustación presentábanse un ano máis como puntos centrais da celebración, na que podía atoparse os mellores viños tintos e brancos elaborados na zona, pertencente á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo.
Ademais celebrouse unha cata profesional, sen esquecer a parte musical que durante a primeira xornada da Mostra correu a cargo da banda de música de Vilaboa en horario matinal, de Airiños da Fracha pola tarde e de Astarot xa entrada a noite.
Para a xornada deste domingo as casetas da Mostra do Viño de Vilaboa, instaladas na contorna de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres, teñen prevista a apertura desde as 11:00 horas. Pola súa banda ás o escritor Xosé Manuel G. Trigo dará lectura ao pregón e realizarase a entrega de diplomas aos gañadores do concurso vinícola.
A actividade prolongarase durante toda a xornada, cun concerto para o público infantil do clown Peter Punk ás 17:00 horas e outro para todas as idades ás 19:30 horas de Marcelo Dobode-Turoqua.