O sol e a calor deixan paso a unha semana de inestabilidade e baixada brusca de temperaturas
Por Redacción
O simulacro de verán que viviu nos últimos días as Rías Baixas quedará niso, un pequeno período a modo de aperitivo, xa que a chegada dun centro de baixas presións traerá posibilidade de choiva ao longo da semana e provocará unha importante caída nas temperaturas.
Así o reflicte a predición de MeteoGalicia para os primeiros días do mes de xuño, nos que a comunidade quedará baixo a "influencia dun centro de baixas presións e aire frío que se moverán polo Atlántico cara ás Illas Británicas", sinala o servizo meteorolóxico.
Así, aínda que este domingo as temperaturas roldarán os 27 graos e manteranse estables o luns día 3, xa con probabilidade de chuvascos especialmente pola mañá, a partir do martes descenderán considerablemente ata os 19 graos e mesmo ata os 17 a metade de semana.
"Con esta situación, espérase un aumento da probabilidade de choiva", engade Meteogalicia, precipitacións non demasiado copiosas que se prolongarán en principio ata o venres.
Aínda que é pronto para precisar a previsión da próxima fin de semana, a tendencia para o sábado 8 e domingo 9 de xuño sería cara á estabilidade, con clara melloría pero sen chegar ás calorosas temperaturas das últimas xornadas.