Un incendio de madrugada arrasa 3,5 hectáreas e ameaza unha hípica en Cuntis
Por Redacción
Medios do Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis e efectivos de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural traballaron durante cinco horas desta madrugada para extinguir un incendio forestal que se declarou na parroquia de Santa María de Troáns.
O lume declarouse sobre as 3.00 horas da madrugada e quedou extinguido, segundo a información facilitada por Protección Civil, ás oito da mañá. Durante esas cinco horas activo, arrasou unha superficie de 3,5 hectáreas.
O lume comezou nunha zona de monte entre os lugares de Sobrada, San Clemente e Vilameán e o principal perigo xerouse pola súa proximidade á hípica A Luaira, situada en Pechadas do Monte, Vilameán.
Finalmente, grazas ao traballo de numerosos medios de Protección Civil de Cuntis e de Medio Rural, as lapas quedaron controladas cando se atopaban a uns 150 metros das instalacións. Non chegaron a aproximarse a vivendas nin outras propiedades.
Segundo a información facilitada polo Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis, foi necesario atacar ás lapas polo flanco dereito para defender a hípica e, unha vez que se deixou a salvo esa propiedade, actuouse sobre a cabeza do incendio.
Aínda que nun primeiro momento tan só foran mobilizados unha motobomba e unha cuadrilla de Cuntis, as dimensións do incendio e a forma en que se aproximaba á hípica levaron a pedir máis medios de Medio Rural. Finalmente, quedou controlado moi rápido grazas ao despregamento de medios humanos e motorizados.
Relacionadas:
-
Cuntis contratará oito personas para tarefas de prevención de incendios forestais
Por Redacción |
-
Proban en Pontevedra drons para localizar incendiarios e detectar lumes nos montes
Por Redacción |
-
Cuntis lembra nun Bando a necesidade de manter limpas as leiras
Por Redacción |
-
Cuntis adquire unha cisterna para a loita contra incendios de cara a este verán
Por Redacción |
-
Identifican un home por provocar un incendio en Cuntis e dous como sospeitosos doutro na Lama
Por Redacción |
-
Arden 5,5 hectáreas nun bosque de Cuntis
Por Almu Dapena |