A fonte luminosa de Ponte Caldelas pasa ao 'lado escuro'
Por Redacción
A fonte luminosa ou bailarina de Ponte Caldelas, instalada recentemente na Praza de España, protagonizou esta fin de semana unha nova noite de Música Acuática.
O protagonismo nesta ocasión recaeu na banda sonora da Guerra das Galaxias, coa interpretación da Marcha Imperial ou o tema de Darth Vader.
A coñecida banda sonora composta polo oscarizado John Williams centrou a atención, pero non foi a única parada dun repertorio que incluíu tamén a Marcha dos Toureiros, da ópera Carmen, de Georges Bizet, e Oh Fortuna!, da suite Carmina Burana, de Carl Orff.
Entre os asistentes ao espectáculo non faltaron algúns mozos vestidos de Darth Vader para poñer o particular 'lado escuro' á noite.