A veciñanza de Tourón celebrou a primeira homenaxe aos seus avós
Por Redacción
A carballeira de Vilarchán acolleu a primeira Homenaxe aos Avós e as Avoas de Tourón.
Os actos, organizados pola veciñanza, estiveron auspiciados por Amelia Gamero, unha veciña que sen selo é considerada como a avoa de tódolos rapaces do pobo ao ser a directora do coro de Voces Blancas. Un total de 90 persoas, incluído o alcalde, Andrés Díaz, en representación de todo o Goberno local, participaron no acto.
A mañá comezou cunha misa na igrexa de Tourón, que incluíu non só unha actuación do coro, senón tamén a entrega de agasallos aos maiores. A continuación soltouse unha pomba e celebrouse a comida campestre, baixo unha carpa en Vilarchán. A comida contou coa colaboración do Concello e varias empresas, entre elas La Devesa.
Amelia explicou que a homenaxe xurdiu como un acto de xustiza para eses avós e avoas que coidan directamente dos máis pequenos mentres os pais traballan, unha circunstancia especialmente visible en Vilarchán, un dos lugares con maior densidade de poboación de Ponte Caldelas e tamén con maior índice de natalidade.