Un pai e o seu fillo, feridos leves nun accidente de tráfico nas curvas de Castroloureiro
Por Redacción
Un pai e o seu fillo resultaron feridos con carácter leve nun accidente de tráfico rexistrado este luns na estrada nacional N-640 ao seu paso das curvas de Castroloureiro, no municipio de Cuntis.
Segundo informaron fontes municipais, o sinistro rexistrado uns minutos antes das nove da mañá, consistiu nunha colisión frontolateral entre dous vehículos.
Nun deles, marca Nissan, viaxaban os dous feridos que son veciños de Cuntis, no outro, un Peugeot, circulaba unha veciña da Estrada que saiu ilesa.
Como consecuencia do sinistro estivo cortado ao tráfico un dos carrís polo que a Garda Civil tivo que establecer a circulación alterna do tráfico rodado durante, aproximadamente, unha hora.
Curiosamente, segundo informa o Faro de Vigo, os primeiros en acudir ao lugar do accidente foron os axentes da unidade canina da Garda Civil que se dirixían cara á Academia Galega de Seguridade Pública.