Sanxenxo só permitirá fogueiras en Agra, Nanín, Panadeira, Silgar e Caneliñas durante San Xoán
Por Redacción
A noite de San Xoán volve poñer o foco sobre as fogueiras que se realizan nas praias. A este respecto, Sanxenxo decidiu protexer de novo o medio natural e só permitirá acender lume en cinco areais. Trátase de Agra, Nanín, Panadeira, Silgar e Caneliñas.
Será previa solicitude e para iso os interesados terán de prazo ata o próximo 20 de xuño. Para lograr unha destas autorizacións, terán contactar coa concellería de Medio Ambiente no teléfono 986 744909 ou acudir presencialmente ás oficinas de Vilalonga.
Non poderá haber fogueiras, lembra o goberno municipal, en ningún dos trece areais restantes. Do mesmo xeito que o ano pasado, a Policía Local vixiará e valará os accesos a praias como Montalvo nas que hai anos producíanse concentracións masivas e fogueiras non autorizadas que danaban os areais e a súa contorna.
Para garantir o bo funcionamento da noite de San Xoán, o Concello poñerá en marcha un operativo especial da policía local, os servizos de emerxencia e o servizo de limpeza. Neste sentido ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza, garantindo que estarán en perfectas condicións ás dez da mañá.
Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza, e só se poderá queimar leña limpa e, por tanto, estará prohibida a queima de calquera material plástico, madeiras pintadas ou con cravos.
Tampouco se poderá levar á praia botellas ou vasos de vidro e non se poderá reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.
CONTACTO CON EMERXENCIAS
Ademais, o servizo de Emerxencias de Sanxenxo desenvolveu un sistema innovador que mellora as comunicacións relacionadas coas fogueiras de San Xoán e San Pedro.
Consiste en escanear un código QR, que aparece na folla da solicitude para facer unha fogueira. Mediante este código ademais de comprobar a validez da autorización, o solicitante poderá comunicarse directamente co servizo de emerxencias e a policía local por se ocorrese algo que requirise a intervención dos bombeiros.
Relacionadas:
-
O verán entra nas Rías Baixas con ceos pouco anubradros ata o domingo onde a chuvia mollará as cacharelas
Por Redacción |
-
Pontevedra manterá aberto o prazo ata o 20 de xuño para inscribir as fogueiras de San Xoán
Por Redacción |
-
Bueu abre o prazo para a solicitude de fogueiras para San Xoán e San Pedro
Por Redacción |