Poio xa advertira á Xunta das "deficiencias" na seguridade da PO-308 na zona da Barca
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Xose Luís Martínez Blanco asegura que o Concello de Poio pediu á Axencia Galega de Infraestruturas melloras na seguridade da PO-308 na zona da Barca, concretamente no paso de peóns onde este luns foi atropelada unha nena.
Segundo informa o edil nacionalista, con data do 11 de xaneiro de 2019, a Policía Local de Poio elaborou un informe sobre as deficiencias detectadas en canto a sinalización e alumeado existente na zona da Barca onde se pon de manifesto a "deficiencia" no pintado da zona, "principalmente nos pasos de peóns" e na liña de divisións de carrís da propia rotonda.
No informe tamén se sinala a "insuficiencia na iluminación", entre outros problemas, aportando ó informe fotografías do estado actual da vía, onde se inclúe a fotografía do paso de peóns onde tivo lugar o accidente.
Neste informe recóllese que no 2018 na Avenida da Barca están rexistrados 32 accidentes e na Avenida de Andurique 18, só na zona de competencia de Policía Local.
Posteriormente, con data do 14 de xaneiro de 2019, dende o Concello remítese oficio a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) "para que se adopten as medidas oportunas ás deficiencias existentes", xunto unha copia do informe emitido, tendo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia con data do mesmo día 14 de xaneiro de 2019.
Así mesmo, existen outros 5 puntos negros destacables ao longo da PO-308 ao seu paso polo Concello de Poio, que igualmente foron remitidos á Axencia Galega de Infraestruturas; como son, na parroquia de San Salvador os lugares de Porteliña, na intersección entre a Avenida Porteliña con Travesía Porteliña e na avenida de Andurique; tamén en Combarro nos tramos dende Avenida da Cruz con Avenida da Costa e na Avenida da Pinela. E finalmente na Seca, na parroquia de San Xoán, concretamente na intersección do Camiño do Penedo con Avenida da Seca.
Relacionadas:
-
Poio quere impulsar un convenio coa Xunta para humanizar Andurique, A Barca e Porteliña
Por Redacción |
-
Poio aprobará un Plan de Mobilidade Sostible, base organizativa do tráfico, transporte público e aparcadoiros a 10 anos vista
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta deu permiso en xaneiro a Poio para o repintado de dous pasos de peóns na Porteliña
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide "prudencia" a Poio e que se implique "de forma real" na mellora da PO-308
Por Redacción |
-
Unha menor, ferida grave tras ser atropelada na Avenida da Barca
Por Diego Espiño |