As praias de Marín continuarán sen cacharelas este San Xoán
Por Redacción
Un ano máis, Marín manterá as súas praias afastadas das fogueiras da noite de San Xoán. O Concello que goberna María Ramallo emitiu as bases para a celebración desta tradicional festa.
As persoas ou asociacións que queiran solicitar o permiso para instalar unha cacharela deben cubrir o documento que se colgará na web do Concello ou recollelo, en persoa, no rexistro municipal. Despois deberá remitir o documento ao correo adjuntoalcaldia@concellodemarin.es ou entregalo nas mesmas oficinas do Concello.
O prazo para presentar as solicitudes finaliza o venres 14 de xuño.
As prohibicións que se establecen polo goberno local céntranse en facer fogueiras sobre as vías públicas pavimentadas, zonas verdes, baixo tendidos eléctricos e teléfonicos ou nos areais do municipio. Terán que gardar unha separación mínima de 12 metros lineais coa vexetación, casas e edificios máis próximos. Ademais, a altura máxima permitida será de 14 metros e o diámetro non poderá exceder os 6 metros de ancho. As persoas que asistan á festa deberán situarse nunha zona de diámetro similar á altura do pau central da fogueira.
Os solicitantes deberán vixiar a fogueira ata a súa total extinción que deberá asegurarse mollando os restos con auga. No caso de que se levante vento, terá que suspenderse ou apagarse de inmediato. As persoas solicitantes sempre serán responsables dos danos e prexuízos que o lume ocasione. No caso de que se produza algunha emerxencia deberán poñerse en contacto de inmediato co servizo do 112 Galicia.
Relacionadas:
-
O verán entra nas Rías Baixas con ceos pouco anubradros ata o domingo onde a chuvia mollará as cacharelas
Por Redacción |
-
As fogueiras de San Xoán poden coa choiva
Por Redacción |
-
O viario das praias pasa a ser de sentido único co inicio da tempada de verán
Por Redacción |
-
Pontevedra manterá aberto o prazo ata o 20 de xuño para inscribir as fogueiras de San Xoán
Por Redacción |