Destacan a importancia de normalizar a lingua de signos galega como medio de comunicación das persoas xordas
Por Redacción
A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga, presentou este mércores a súa axenda de accións para conmemorar o Día Nacional da Lingua de Signos, cuxa data é o 14 de xuño, e que contará con diversos actos ao longo de todo este mes e unha exposición de arte no mes de xullo.
Na rolda de prensa de presentación a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde informou que a primeira das actividades programadas é a charla-coloquio "A lingua de signos galega", que terá lugar na Sala Valdecorvos da Casa Azul o 7 de xuño ás 18:30 horas na que participarán varios profesores e especialistas de Lingüística e Lingua de Signos das Universidades de Vigo e Santiago.
Monterde tamén anunciou a segunda edición do Concurso "Xoga coas manciñas", cuxos premios se entregarán o 14 de xuño e que nesta ocasión amplíase a dúas categorías: a de Educación Infantil e a nova para estudantes de Primaria. Trátase dunha iniciativa na que os escolares signan un poema, canción ou conto de autores galegos e o presentan en formato vídeo coa intención de que os máis cativos se familiaricen e valoren a lingua de signos como vehículo de comunicación.
A presidenta de Xoga tamén anunciou para o 13 de xuño ás 12:00 horas na Casa Azul a presentación da web de Xoga: "A única páxina web de Europa cento por cento accesible para persoas con discapacidade sensorial. Moito máis fácil de facer do que se poida pensar", destacou.
María Jesús Monterde pechou a presentación da programación de actividades co anuncio da exposición do artista xordo catalán afincado en Vigo, Alfredo Palau, cunha ampla traxectoria como cartelista e ilustrador, caracterizado por crear toda a súa obra a lapis. A mostra de Palau será na sede de Turismo Rías Baixas entre o 19 de xullo e o 4 de agosto.
Na provincia de Pontevedra hai máis de 16.000 persoas con problemas sensoriais e máis de 8.000 con problemas auditivos.
Relacionadas:
-
COVID-19: Unha enfermidade e outra barreira para persoas con diversidade sensorial
Por Marisa Ciordia |
-
O Concello ensinará lingua de signos aos seus empregados
Por Redacción |
-
Os participantes de "A Santiago pola xordocegueira" completan a segunda etapa en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra celebra o Día da Lingua de Signos
Por Redacción |