Poio presenta o programa das festas do Mar e da Ameixa
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Turismo de Poio informou da programación da Festa do Mar de Combarro e a Festa da Ameixa de Campelo.
A Festa do Mar de Combarro celebrará a súa XIX edición entre os días 21 e 25 de agosto cun amplo abano de actividades de lecer para todos os públicos.
Segundo sinalou o concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez Blanco, un dos pratos fortes desta nova edición serán os concertos de balde que se celebrarán na Praza da Chousa e que contarán con artistas internacionais como a cantante chipriota Eleni Foureira, o cantautor gaditano David de María, o compositor dominicano Henry Méndez e o DJ Mark Deluxe.
O apartado musical abranguerá tamén outro tipo de xéneros musicais como a orquestra Los Satélites e os concertos do Festival Armadiña Rock que celebrará este ano a súa undécima edición.
Por outra banda, os máis pequenos volverán a desfrutar dunha xornada integramente adicada as familias e o público infantil cunha nova edición do Festival Chalaniña con actuacións musicais e grupos de teatro.
A Festa do Mar no é soamente música e actividades de lecer, de feito, un dos apartados que mellor acollida ten ano tras ano é a Mostra de Degustación Gastronómica que, coma sempre, contará cunha ampla oferta dos mellores produtos da ría que poderanse degustar na carpa situada no Peirao da Canteira ao longo dos cinco días que durará a festa.
O folclore e a música tradicional galega tamén estarán presentes nesta edición da Festa do Mar de Combarro cunha ampla representación dos grupos folclóricos do municipio e cunha nova edición da Mostra da Canción Mariñeira.
Por último, a Concentración de Embarcacións Tradicionais celebrará este ano a súa XXIV edición os días 23, 24 e 25 de agosto.
FESTA DA AMEIXA DE CAMPELO
En canto á Festa da Ameixa de Campelo, celebrará no mes de setembro a súa XXXII edición, os días 13, 14 e 15. No apartado musical, contará cos concertos de artistas como Coti, o espectáculo musical "Roi Casal, son galego son cubano" e a orquestra Gran Parada. Ademais, haberá unha nova edición do Certame de Música Mariñeira que celebrarase no interior da carpa de degustación gastronómica situada na Praza da Granxa.
Os máis pequenos tamén terán actividades completamente deseñadas para eles, entre as que destacan unha nova edición do "Desembarco Pirata", contacontos e espectáculos infantís. Este ano a Festa da Ameixa de Campelo tamén contará coa III Edición do Concurso de Fotografía "Festa da Ameixa" sendo a temática escollida para este ano "Un mar de lembranzas".
Un dos apartados que non pode faltar nesta festa é a xornada adicada as xentes do mar das tres confrarías presentes na ría de Pontevedra e que se xubilaron ao longo do pasado ano.
A carpa de degustación gastronómica permanecerá aberta durante toda a fin de semana para todos aqueles que desexen degustar as ameixas babosas da ría de Pontevedra cociñadas de distintas maneiras.
Relacionadas:
-
Poio prepárase para a 32 edición da Festa da Ameixa
Por Almu Dapena |
-
A "millennial" Festa do Mar abre as súas portas disposta a bater récords
Por Anxo Lourido |
-
Combarro prepara un "sinfín de actividades" para a Festa do Mar
Por Almu Dapena |
-
Iván Ferreiro, Christina Rosenvinge, Los Secretos e 14 concertos máis na Festa do Marisco
Por Oskar Viéitez |
-
Eleni Foureira traerá o seu 'fuego' á Festa do Mar de Combarro
Por Alejandro Espiño |