A UNED presenta os seus cursos de verán
Por Redacción
A UNED ven de presentar seis cursos de verán na provincia de Pontevedra que abranguerán temas como a igualdade, a cultura, o desenvolvemento sostible, a prensa e o Camiño de Santiago.
No acto de presentación destes cursos participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado de Cooperación, Carlos López Font e a directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, María Troncoso.
Segundo informaron serán seis cursos de 20 horas de duración que se poden seguir de forma presencial, semipresencial ou on line a través de streaming e están dotados dun crédito de libre configuración.
O primeiro dos cursos celebrarase entre o 26 e o 28 de xuño no Centro Penitenciario da Lama e centrarase en "Das sufraxistas ao MeToo: unha loita continua pola igualdade". O curso está dirixido por María Esther Souto Galván, vicerreitora da UNED, e participarán Yolanda Agudo, María Gómez Escadra, Consuelo del Val, Pilar Gomiz, Antonio Viedma, Carmen Freire e Mercedes Fernández.
Os tres seguintes cursos terán lugar, todos eles, entre o 3 e o 5 de xullo no centro asociado da UNED en Pontevedra.
O primeiro deles é "A imaxe medieval no Camiño de Santiago, forma, función e claves de interpretación" está dirixido por Inés Monteira e afondará na arte gótica e románica a partir de exemplos situados nos Camiños Francés e Portugués cara Santiago. Participarán como poñentes, amais de Monteira, Miguel Larrañaga, Marta Cendón, María Dolores Barral, David Chao, Juan Antonio Olañeta, Milagros Guardia e Isabel Ruiz.
O curso "Violencia sexual nas sociedades actuais: unha reflexión necesaria" está dirixido por Josefina Méndez e analizará a espiral de agresións sexuais contra as mulleres e a escravitude sexual. Contará como poñentes con Ascensión Cambrón, Yolanda Trigueros, María Jesús Fuente, Raquel Osborne, Josefina Méndez, Rosa Cobo e Amparo Serrando.
O último dos cursos en Pontevedra "Luces sobre Valle Inclán" está dirixido por Javier Varela e afondará en aspectos inéditos da vida e obra de Valle Inclán. Conta con poñentes como Darío Villanueva, Francisco Fuster, Manuel Aznar, Andrés de Blas, Margarita Santos, Javier María del Valle Inclán e Javier Serrano.
Pola súa banda, Vigo acollerá o curso "A axenda 2030 e o reto de desenrolo sostible", entre o 10 e 12 de xullo, que ofrecerá unha visión da Axenda 2030 dende ámbitos diversos como a universidade, o medio ambiente ou institucións públicas que dedican parte dos seus esforzos a acadar os ODS. Contará con poñentes como Víctor Manuel González, Antonio Sánchez, María Esther Souto, Amelia Pérez, Javier Benayas, Sabine Kurtenback, José Herrero, Juan Francisco Montalbán e José Bayón.
O último será do 17 e 19 de xullo na aula da UNED en Portas sobre "Prensa e sociedade", baixo a dirección de José Almaraz. Participarán tamén Luis Villamor, José Ángel Maquieira, Miguel Ángel Rodríguez, Juan Jesús González, Vicente González, Irene Lourido e Susana Regueira.
Todos os cursos teñen xa a matrícula aberta con prezos que abranguen entre os 108 euros da matrícula ordinaria ata os 32 euros con descontos por familia numerosa especial.