Desmantelan un grupo criminal que roubou 11.000 litros de gasóleo en vehículos e maquinaria
Por Redacción
A Garda Civil logrou desarticular un grupo organizado ao que se atribúe un total de 25 delitos de roubo de gasóleo cometidos nos últimos meses na provincia de Pontevedra, con especial incidencia na comarca de Caldas de Reis. En total, calculan que poden ter substraído 11.000 litros de gasóleo.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, foron detidas catro persoas que se dedicaban ao roubo de gasóleo en maquinaria, camións e depósitos situados en naves industriais, obras en construción, canteiras, explotacións agrícolas e estacionamentos públicos das localidades de Caldas de Reis, Portas, Barro, Meis, Pontevedra, Vilanova de Arousa, Cuntis e Moraña.
A operación, que se bautizou como 'Octano', comezou a principios do ano pasado por mor da proliferación dos roubos de gasóleo que se estaban producindo na provincia e agora dáse por terminada coa detención dos seus catro presuntos responsables, aos que atribúen o roubo de combustible cuxo valor no mercado supera os 14.000 euros.
As catro persoas detidas quedaron en liberdade, pero coa obrigación de comparecer como investigadas perante o xulgado de Garda de Caldas. Ademais, foron denunciadas ante a Consellería de Industria e a Delegación Provincial de Impostos Especiais, polas irregularidades administrativas que se observaron pola ilegal tenencia, almacenamento e transporte e distribución deste tipo de carburante, que está suxeito a unha regulación específica.
O Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía e a Patrulla Fiscal e de Fronteiras empezaron unha investigación que permitiu identificar aos presuntos responsables, catro veciños do municipio de Caldas de Reis que conformaban un grupo criminal perfectamente organizado e aos que someteron a control e vixilancia.
Un de detidos presuntamente era o encargado de levar a cabo os roubos que planificaba e executaba segundo as demandas que recibía doutro dos integrantes, que era o responsable de almacenar o combustible e captar posibles compradores.Os outros dous asumían as funcións de distribución e venda do carburante.
A explotación da operación levou a cabo a madrugada do luns 30 de maio. Os investigadores sorprenderon in fraganti a dous deles nunha canteira da localidade de Meis cando estaban a realizar a transacción do combustible que subtraeran.
Por mor destas detencións procedeuse ao arresto dos outros dous implicados e levaron a cabo rexistros en varios galpóns anexos ás vivendas dos tres detidos que supostamente se dedicaban ao almacenamento, distribución e venda do gasóleo.
En cada un dos galpóns inspeccionados atopáronse depósitos para ao almacenamento do combustible, algúns deles provistos de dispositivos mecánicos para a extracción do gasóleo. En total precintáronse tres depósitos portátiles, un fixo e dous bidóns, que contiñan 2.300 litros de combustible.
Para a inspección e toma de mostras do carburante contouse co apoio e colaboración dun técnico da Consellería de Industria da Xunta de Galicia e outro do Laboratorio de Combustibles do campus de Ferrol da Universidade da Coruña.