As obras da Casa de Don Fernando avanzan a bo ritmo
Por Redacción
Os mozos de Sanxenxo terán moi pronto un novo espazo para as súas actividades. As obras de mellora da Casa de Don Fernando, que se destinará a estes usos, avanzan a bo ritmo segundo informou o goberno municipal.
Os traballos, que executa a empresa Construcións Castro Figueiro, pretenden adecuar as instalacións á normativa vixente, xa que tanto o edificio principal como a parcela na que se atopa non reunían as condicións de acceso a persoas con mobilidade reducida.
Para emendalo, impúlsase un proxecto que suprimirá as barreiras arquitectónicas e de comunicación e construirase un aseo accesible.
Ademais, está a instalarse un ascensor panorámico hidráulico cunha cabina de 1,10 x 1,40 metros e na planta alta do edificio están a colocarse unhas divisións de pladur para crear un novo espazo.
Para corrixir filtracións, nas escaleiras exteriores conectadas coa fachada selarase toda a superficie de contacto.
A Casa de Don Fernando, situada en Portonovo, foi construída en 1900 e atópase rehabilitada tras as obras realizadas a principios deste século. Atópase nunha leira cunha superficie de 800 metros cadrados e, aínda que na actualidade atópase en bo estado, era necesario acondicionar os seus espazos para darlle un uso diario.