A Xunta pide "prudencia" a Poio e que se implique "de forma real" na mellora da PO-308
Por Redacción
O último accidente na PO-308, no que unha nena foi atropelada por un camión na Barca, segue coleando. Tras lembrar o Concello de Poio que comunicara en varias ocasións á Xunta de Galicia, titular desta estrada, o perigo deste tramo, o goberno galego pediu unha "maior prudencia e responsabilidade" ao executivo municipal.
A través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a Xunta reclama ademais que o Concello se implique "de forma real e efectiva" na mellora da seguridade viaria da PO-308, colaborando en adoptar posibles medidas para reducir a sinistralidade.
A este respecto, o goberno autonómico lembra que o paso de peóns no que se produciu o atropelo está sinalizado cun semáforo de cuxa regulación se ocupa o Concello e que está en ámbar durante varias horas ao día.
A Xunta lembra que mellorar a seguridade nesta estrada é unha das "prioridades" da Axencia Galega de Infraestruturas, que está a investir actualmente case catro millóns de euros, sobre todo nos tramos identificados como de concentración de accidentes.
O inicio destas obras, lamenta a Xunta, viuse atrasado pola "falta de colaboración" do goberno municipal para conseguir os terreos necesarios.
De maneira inmediata, segundo avanza Infraestruturas e Mobilidade eliminaranse as prazas de aparcamento situadas antes e despois dos pasos de peóns do tramo inicial da PO-308, onde se produciu o accidente, para que os condutores teñan unha mellor visibilidade das persoas que se dispoñen a cruzar a estrada.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiu unha carta ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, para avanzarlle que esta medida adoptarase nas próximas semanas e lembrarlle a comunicación "constante" que existe entre os técnicos de ambas as administracións, instando ao Concello a colaborar nesta cuestión.
Relacionadas:
-
A asociación veciñal 'Combarro', molesta polo silencio do Concello no proxecto de reforma da PO-308
Por Redacción |
-
A Xunta deu permiso en xaneiro a Poio para o repintado de dous pasos de peóns na Porteliña
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio anima a reactivar a Plataforma da 308 para reclamar a reforma da estrada a Sanxenxo
Por Redacción |
-
Poio xa advertira á Xunta das "deficiencias" na seguridade da PO-308 na zona da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
Unha menor, ferida grave tras ser atropelada na Avenida da Barca
Por Diego Espiño |