Pillan unha parella de Vigo roubando baterías nun concesionario de automóbiles de Vilaboa
Por Redacción
A Garda Civil detivo a dous veciños de Vigo, de 34 e 26 anos, aos que sorprenderon cando saían de cometer un roubo nun concesionario de vehículos no municipio de Vilaboa.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a madrugada do pasado martes cando unha dotación de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Moaña, que patrullaba pola zona, detecta a presenza de dúas persoas sospeitosas merodeando pola parte posterior dun concesionario de automóbiles, contiguo á estrada N-550.
Estas dúas persoas, un home e unha muller, levaban a cara cuberta e foron interceptadas a pesar de que pretenderon afastarse do lugar cando se decataron da presenza da patrulla.
No momento de ser interceptados, un dos detidos levaba unha tesoira cizalla coa que cortaran o aramado metálico do peche perimetral das dependencias do concesionario para acceder ao seu interior. Fóra do recinto e pegado ao muro que circundaba o inmoble localizáronse 13 baterías de vehículo almacenadas e dispostas para levalas nunha carretilla.
As dúas persoas foron detidas como presuntos autores dun delito de roubo con forza nas cousas e postas ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Cangas, que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.