O xulgado apraza a outubro o xuízo por un incendio nunha nave de Barro no que morreu un traballador
Por Natalia Puga
O incendio no que o 28 de marzo de 2012 faleceu un traballador da nave de fabricación de portas Comercial Vilanova de Curro (Barro) e resultaron feridos graves outros catro chegará finalmente a xuízo entre os días 2 e 3 de outubro.
O xuízo fixárase para este xoves 6 de xuño no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra, no edificio xudicial da Parda, pero foi necesario o seu aprazamento ante as dificultades de varias testemuñas para acudir. Finalmente, xulgarase sete anos e medio despois dos feitos.
No banco dos acusados sentarán dúas fillas do fundador da empresa, B.V.C. e E.M.V.C., como autoras dun delito de homicidio imprudente pola morte do traballador, tres delitos de lesións imprudentes polo ocorrido a outros tres traballadores -varios tiveron que tirarse pola xanela para fuxir do lume- e un delito contra os dereitos dos traballadores ou de infracción das normas de prevención de riscos laborais cunha situación de risco para a vida, para a saúde ou para a integridade física dos traballadores.
Ademais, está acusada unha traballadora da empresa encargada da implantación e control das medidas de prevención de riscos laborais na nave, D.A. G., no seu caso por un homicidio imprudente e tres delitos de lesións imprudentes.
Para as dúas responsables da empresa a Fiscalía pide catro anos de prisión e tamén a inhabilitación especial de B.V.C. para o posto de responsable de prevención de riscos laborais dunha empresa e de EM.V.C. como encargada de planta. Para D.A.G. pide dous anos e medio de prisión e inhabilitación especial para a profesión ou o oficio de técnico de prevención de riscos laborais dunha empresa durante o período da condena.
A maiores, están acusadas nesta causa como responsables civís directas dúas compañías aseguradoras e como responsables civís subsidiarias as empresas dos tres acusados. En total, as indemnizacións ascenden a 360.000 euros, dos que 102.170,58 euros serán para os pais do falecido, un veciño de Moraña de 33 anos.
O falecido traballaba na nave incendiada a pesar de que estaba en situación de incapacidade temporal nesas datas. Facíao sen contrato en virtude dun acordo verbal coa acusada B.V.C.. No momento no que empezou o lume na zona da caldeira subiu á primeira planta para avisar e auxiliar aos seus compañeiros de traballo.
Cando comprobou que non podía sufocar o lume nin baixar pola rampla de acceso á planta baixa da nave industrial, para evitar verse consumido polo lume e polo espeso fume reinante na primeira planta da nave arroxouse por unha xanela ao chan desde unha altura de case nove metros. Acabou faleceu.
O fiscal sostén que a nave carecía saídas de emerxencia na planta superior e dun acceso autónomo á varanda metálica situada na parte superior da zona da caldeira da nave industrial para sufocar ou extinguir o lume desde arriba con extintores ou outros medios de contención do lume.
Outros catro traballadores resultaron feridos como consecuencia do incendio ou mentres fuxían das lapas. Catro deles acabaron optando polo mesmo recursos desesperado que o falecido: arroxarse pola xanela ao exterior do establecemento. Outros seis traballadores estaban na nave e non resultaron feridos.