Catro estudantes da Esdemga deseñan unha nova colección para Zara
Por Alejandro Espiño
Zara, a principal marca do grupo Inditex, abre as portas a novos deseñadores. Será a través do proxecto VIEW.S, no que participan escolas de arte e moda de todo o mundo. E a Esdemga, os estudos que se imparten no campus de Pontevedra, será unha delas.
A multinacional galega vén de poñer á venda nas súas tendas unha nova colección, dentro da liña Zara TRF, que foi creada por catro estudantes da escola pontevedresa. Son María Lázara, Silvia Marra, Alexandra Pais e María Cuntín, que apostaron por unha selección de prendas inspirada nunha viaxe a través do espazo a un universo singular.
Now becoming then é o título desta colección, que se desenvolve arredor de prendas románticas, fluídas de corte minimalista en organza lisa e estampada. Mantén un equilibrio de liñas puras que ráchase coa incorporación de prendas máis técnicas como o trench metalizado.
Os estampados gráficos de figuras espaciais fan un aceno á súa inquietude polo futuro, salienta o texto de presentación da colección. A paleta de cor en tons pasteis lembra á fotografía de atardeceres de paisaxes do norte de España, que a súa vez contrasta coa sobriedade de tecidos como o popelín en tons brancos que neutraliza e unifica a colección.
Esta proposta, sinalan as súas creadoras, é froito de meses de traballo en coordinación cos equipos de deseño da firma. "Foi unha oportunidade tremenda", recoñecen, xa que entenden que formar parte dun proxecto como este "é unha das cousas que máis ilusión che poden facer" e pode ser un factor de "diferenciación " na súa futura traxectoria profesional.
A directora da Esdemga, Lola Dopico, explica que para a escola é un "orgullo" ser seleccionada por Zara para participar neste proxecto, que supón unha oportunidade "fantástica" para as estudantes e que achega unha proxección "moi importante" á Universidade de Vigo.
"A moda está moi ligada ás grandes capitais, iso é unha realidade, traballar na formación en moda e ter un proxecto de referencia desde a periferia non é fácil", engade Dopico, motivo polo que incide en que realmente isto é un "recoñecemento" ao traballo desta escola ao ser "a primeira na que pensaron" para este lanzamento internacional.