A Festa do Viño de Barro chega á corenta edición
Por Redacción
Chegada a corenta edición da Festa do Viño, o Goberno local do Concello de Barro decidiu homenaxear a todas as persoas que fixeron posible a celebración deste evento ao longo de tantos anos. É por iso que o xoves 13 se vai inaugurar unha exposición sobre a historia da Festa, na que se poderán ver moitas imaxes e documentos das súas diversas edicións.
Representando a todas esas persoas que fan posible a Festa, farase unha homenaxe especial a tres persoas que formaron parte do grupo organizador.
Segundo informou o concello, no programa deste ano os grupos locais volven a ter un papel especial na celebración da Festa do Viño, que dará comezo o xoves 13, coa festa infantil e o Xoves do Viño.
Os grupos locais Galifunk e Son das Tabernas, ademais da Coral Polifónica, o Grupo de Danzas Amor Ruibal, o Grupo de Pandereteiras da Asociación Peñaflor e a Banda Xuvenil de Barro, terán un papel protagonista nunha programación pensada para todos os gustos e todas as idades.
A música, a danza, o canto coral, o deporte e a gastronomía, ademais dos bos viños, fan da Festa do Viño de Barro unha cita imprescindible neste mes de xuño.
Manterase tamén o costume deste Goberno de ter un pregón o venres da inauguración do Certame Rías Baixas, que este ano correrá a cargo do escritor de Barro, Adolfo Caamaño Vázquez.
O alcalde, José Manuel Fernández Abraldes agradeceu tamén o traballo das ducias de persoas voluntarias que fan posible, ano tras ano, que a Festa sexa todo un éxito.