Adxudicado o novo céspede artificial do campo de fútbol e a pista de pádel de Chan da Barcia
Por Redacción
O campo de fútbol e a pista de pádel de Chan da Barcia disporán de novo céspede artificial nas próximas semanas. O Concello de Ponte Caldelas adxudicou este xoves as obras de substitución das dúas superficies deportivas seleccionando a oferta da empresa Mecano Sport como a mellor de entre as tres presentadas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) cumpre así co compromiso de renovar as instalacións que, no caso de fútbol tiña xa 13 anos e, ao estar construído coa primeira xeración de herba sintética, estaba xa completamente esgotado ao comezo do mandato municipal. Un desgaste que se acentuou polo uso intensivo que supón que Ponte Caldelas acolla a única escola municipal de fútbol de toda a contorna.
O novo céspede do campo e da pista de pádel terá un custo de 124.033,58 euros. A empresa adxudicataria, unha vez asinado o contrato e realizadas as comprobacións, terá un prazo de 24 días (rebaixou en 4 o previsto na licitación) para executala obra. Ademais, Mecano Sport ofreceu garantía por 10 anos e ocuparase do mantemento anual das dúas superficies nos primeiros 5 anos.
Os técnicos municipais estiman que o novo céspede do campo de fútbol, que conta co selo de calidade Fifa Quality Pro, terá unha duración de 20 anos, ao estar fabricado cos criterios da terceira xeración de céspede artificial, baseada na utilización de fibras de polietileno. O novo material implica moita menos abrasión que o polipropileno que se utilizaba ata o de agora.
As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho no céspede. A pista de pádel, pola súa banda, cubre outros 200 metros cadrados.
Relacionadas:
-
Chan da Barcia estreará o seu novo céspede artificial en tres semanas
Por Redacción |
-
Comeza a colocación do novo céspede artificial do campo de Chan da Barcia
Por Redacción |
-
Licitan as obras do novo céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia
Por Redacción |
-
O Concello recoñece o traballo da SCD Ponte Caldelas coa Escola Deportiva e co equipo feminino
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas renovará este ano o céspede sintético de Chan da Barcia
Por Redacción |