Os técnicos da OTAN conclúen a súa reunión de traballo en Marín
Por Redacción
Este venres clausurouse a quinta reunión do equipo técnico da Science and Technology Organization (STO) da OTAN, que estuda os beneficios da xestión da firma radar dos buques, e que se celebrou durante a semana do 3 ao 7 de xuño na Escola Naval Militar.
A firma no radar é o ronsel que vai deixando un obxecto, xa sexa un buque, unha aeronave ou calquera outro aparello susceptible de ser detectado, nun radar. Canta maior sexa a firma máis facilmente detectable será o obxecto e menor capacidade de confusión con outro obxecto xerará.
A reunión foi organizada polo Centro de Medidas Electromagnéticas ( CEMEDEM) situado na Escola Naval Militar e a Universidade de Vigo, e contou con 30 asistentes de 7 países da OTAN e aliados.
A STO é a principal organización de investigación en ciencia e tecnoloxía da OTAN.