A praia da Banda do Río volve a ser apta para o baño
Por Redacción
Bueu celebra a recuperación da súa praia máis urbana. O areal da Banda do Río volve a ser apta para o baño. Así o acreditan as análises da Consellería de Sanidade, que conceden a clasificación de "suficiente" ás súas augas.
Por iso, e aínda que non se inclúa no censo oficial, este ano o Concello poderá colocar o cartel indicativo desta clasificación que demostra que as augas son aptas para o baño.
Ata o de agora, Sanidade certificaba que esta praia non cumpría cos requisitos mínimos de calidade e, polo tanto, desaconsellaba o baño nela ante os posibles perigos para a saúde.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, salientou que se trata dun resultado "histórico" que mostra a evolución positiva na calidade das augas dun areal "no que levamos máis dunha década traballando" para eliminar as verteduras.
O rexedor agarda que estes resultados sexan "motivo de ledicia" para a cidadanía da vila e tamén para o sector turístico, hostaleiro e comercial, "xa que se trata dunha praia en pleno centro urbano que mellora as súas condicións ano a ano".