Un cento de voluntarios retirarán restos de plásticos das praias da Illa de Ons
Por Redacción
Un cento de voluntarios participarán este sábado, 8 de xuño, nunha acción ambiental para retirar especies invasoras e restos de plásticos que localicen nas praias do arquipélago de Ons.
Os participantes estarán acompañados tamén polo grupo naturalista Hábitat e contarán ao longo da xornada co apoio e a colaboración de persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que axudará na organización da limpeza.
A acción programada nas praias de Ons coincidirá coa celebración do Día Mundial dos Océanos, unha efeméride coa que se pretende lembrar o gran papel que xogan nas nosas vidas xa que grazas a eles se xera a maioría do osíxeno que respiramos.
Unha vez completadas as actividades de limpeza e recollida nas praias de Ons, os voluntarios aproveitarán a súa visita para coñecer un pouco máis o arquipélago.