A reforma da rúa Progreso completarase tras o verán coas novas glorietas
Por Redacción
A chegada do verán suporá un parón nas obras de reforma da rúa Progreso, o treito máis urbano da estrada PO-308 ao seu paso por Sanxenxo. Os traballos avanzan a bo ritmo e, de cara a final de mes, estarán completados nun 75% do total.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou o estado das obras xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Na actualidade xa se está a traballar no treito intermedio da rúa e restan as glorietas, que se executarán tras o verán. Neste sentido, Vázquez explicou que estes traballos se suspenderán temporalmente para non afectar ao turismo, ao tráfico ou ás vivendas e hoteis do municipio.
As obras céntranse en acondicionar, humanizar e mellorar a seguridade viaria deste treito que vai dende a glorieta onde se atopa a estación de autobuses ata a intersección coa rúa Madrid.
A responsable de Infraestruturas explicou que cando as actuacións estean rematadas, haberá beirarrúas máis amplas e accesibles, cun ancho mínimo de 1,8 metros, dúas novas glorietas para facilitar os xiros, prazas de aparcamento, zonas de descanso axardinadas e mobiliario urbano mellorado.
Este proxecto integral, engadiu a conselleira, busca converter esta rúa nunha zona máis utilizable e accesible para os veciños e para os turistas que visitan Sanxenxo.
Ethel Vázquez explicou que o goberno galego ten en marcha máis actuacións na PO-308, como o acceso á praia da Carabuxeira ou a que se vén de iniciar entre Portonovo e Major, dando continuidade ao itinerario peonil e ciclista entre O Grove e Sanxenxo. Tamén engadiu a actuación de eliminación do treito de concentración de accidentes en Areas, en adxudicación.
En total, destacou que a Xunta está a investir máis de 17 millóns de euros na mellora da seguridade viaria da PO-308, tanto en Sanxenxo como en Poio.
Relacionadas:
-
A humanización da rúa Progreso incorpora actuacións que non estaban previstas no proxecto inicial
Por Oskar Viéitez |
-
As obras da Rúa Progreso retomaranse o 9 de setembro
Por Redacción |
-
A rúa Progreso abre ao tráfico nos seus dous sentidos
Por Redacción |
-
Sanxenxo revoluciona a circulación para facilitar o acceso ao seu centro neurálxico
Por Redacción |
-
O BNG de Poio anima a reactivar a Plataforma da 308 para reclamar a reforma da estrada a Sanxenxo
Por Redacción |
-
Cortan durante oito días un tramo da Rúa Progreso
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo contempla unha nova variante norte para desconxestionar a rúa Progreso
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo atrasa o inicio das obras da rúa Progreso
Por Redacción |