Retiran 4.000 quilos de residuos dos fondos mariños de Combarro
Por Redacción
Rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos ou nasas. Foron algúns dos residuos de mediano ou gran tamaño que veñen de ser retirados do fondo mariño do peirao de Combarro. En total, foron recuperados uns 4.000 quilos de lixo.
Este traballo, impulsado por Portos de Galicia, foi completado por ata cinco mergulladores que contaron como medios mecánicos cun barco con guindastre.
A acción estaba coordinada en terra pola encargada da limpeza de Portos de Galicia, que preparou os contedores para o depósito dos residuos e realizou a súa xestión selectiva.
A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns.
Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.