Dia pecha o seu cuarto supermercado en Pontevedra desde o inicio da crise na cadea
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo de distribución Dia pechará este luns o seu supermercado da avenida de Vigo de Pontevedra. O peche é tan só unha evidencia máis da crise da cadea, que desde que comezou cos seus problemas ya pechara outras tres tendas en Pontevedra e hai escasos días xa anunciou que baixaría a persiana en 24 establecementos de Galicia este mes.
O peche está anunciado pola propia cadea ao pé da tenda, situada nas galerías que comunican a avenida de Vigo e Eduardo Pondal. Ademais, de dar a coñecer que este luns 10 de xuño será o seu último día de actividade, tamén empraza aos seus clientes para seguir confiando na cadea comprando nos seus locais das rúas Rosalía de Castro e San Antoniño.
Desde que o grupo de distribución Dia empezou a crise que lle obrigou a poñer en marcha un novo plan de reestruturación, xa pechou en Pontevedra outros supermercados que estaban situados en zonas céntricas como Joaquín Costa, Santa Clara e o da rúa Rodríguez Seoane, nos Salgueiriños.
O novo plan de reestruturación deseñado pola empresa supoñerá o peche de 219 establecementos durante este mes xuño. Deles, 24 son galegos e nove da provincia de Pontevedra. A pontevedresa é a provincia máis afectada, seguida pola Coruña (8), Ourense (4) e Lugo (3).
Os peches totais supoñen un novo revés para o persoal da compañía, que meses xa sufriu a aprobación dun expediente de regulación de emprego (ERE) agora recorrido nos tribunais que afecta a 1.604 traballadores.
A crise de Dia deixou outras vertentes pontevedresas, pois no principio do ano foi nomeado como conselleiro delegado para tentar sacar á compañía da caída libre un economista de orixe pontevedresa, Borja de la Cierva. O CEO durou pouco e o pasado mes de maio dimitiu xunto con todo o consello de administración.
Estes peches de Dia contrastan coa intensa actividade no sector da alimentación que se está vivindo en Pontevedra, onde acaban de abrirse fai escasas datas dous establecementos das cadeas Gadis (rúa Oliva) e Covirán (Paseo de Colón).
Ademais, fontes consultadas por PontevedraViva indicaron que está en proxecto a apertura de dous novos establecementos de Eroski, un xa confirmado e o outro en fase de tramitación.