Un incendio calcina un tráiler con dous vehículos de competición dentro en Cerdedo-Cotobade
Por Natalia Puga
Un incendio declarado durante a madrugada deste sábado calcinou un camión tráiler e todo o que tiña no seu interior, entre outros elementos, dous vehículos de competición.
O lume comezou cando o tráiler estaba estacionado na vía pública no lugar de Traslamós, na parroquia de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, por motivos que se descoñecen e que está a investigar a Garda Civil.
Ata o lugar trasladáronse efectivos dos bombeiros de Ribadumia e A Estrada, pero nada puideron facer para salvar o camión, que quedou totalmente calcinado.
No interior do camión había dous vehículos de competición, catro xogos de rodas, varios equipamentos de competición e ferramentas de traballo, material que está valorado nunha importante suma de diñeiro, posiblemente varias decenas de miles de euros.
A Garda Civil tivo coñecemento dos feitos sobre as cinco da madrugada e, unha vez sufocadas as chamas, puxo en marcha unha investigación para determinar a orixe do lume
A investigación implicou inicialmente aos axentes da Garda Civil de Ponte Caldelas e Pontevedra, pero posteriormente asumiron as pescudas os efectivos da Policía Xudicial de Cangas e o equipo de investigación de incendios.
Relacionadas:
-
Un ano de incendios: un estaleiro en Praceres, un camión de coches de competición, celas do cárcere...
Por Natalia Puga |
-
Alexis Viéitez consegue un novo coche e apunta á Subida A Pontenova
Por Diego Espiño |
-
O motor galego únese en apoio de Alexis Viéitez tras o incendio dos seus coches de competición
Por Diego Espiño |