Aumentan as denuncias de pontevedreses por fraudes na compra de 'choios' ou o contrato de servizos por Internet
Por Natalia Puga
A Brigada de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional de Pontevedra está a ter un pico de traballo a raíz do incremento de denuncias recibidas nos últimos tempos na Comisaría Provincial de pontevedreses que alegan ser vítimas de fraudes cometidas a través de Internet.
Fuentes policiais confirmaron que aumentaron as denuncias de Pontevedra que foron estafados á hora de comprar 'choios' a través de páxinas webs ou que contrataron servizos aos que quedaron subscritos de forma permanente sen eles sabelo.
Na Comisaría Provincial presentáronse recentemente varias denuncias relacionadas con páxinas dedicadas ao entretemento dixital, desde as centradas en películas, ás música, libros, deporte, xogos e programas.
O denunciante afirma recibir algún tipo de mensualidade por unha suposta subscrición que non lembra facer e que se materializou por non ler as condicións legais de uso antes de darse de alta na citada páxina. Tamén se dan casos de internautas que ignoran a necesidade de cancelar a renovación automática da súa subscrición.
Por mor deste aumento dos casos, desde a Comisaría Provincial aproveitan para realizar unha serie de consellos e advertencias encamiñadas a evitar que os pontevedreses sexan vítimas destas novas modalidades delituosas.
Así, a Policía Nacional advirte aos cidadáns que desconfíen de supostos 'choios' que se ofertan en páxinas descoñecidas da internet ou por particulares a través de webs de compra-venda e anuncios en plataformas moi utilizadas, pois o aumento da oferta de comercio electrónico trouxo consigo un incremento nos intentos de fraude polos delincuentes nos produtos e páxinas máis visitados polos internautas.
Os especialistas da Policía Nacional aconsellan manter o sistema operativo, programas e navegador do noso computador, tablet ou smartphone actualizados, cun antivirus de confianza instalado e un Firewall; así como ser precavido ao comprar online e asegurarse de que coñecemos o que nos queren vender e podemos confiar en quen o vende.
En caso de comprar nunha páxina de comercio electrónico, convén comprobar que opera cun sistema seguro (https fronte ao habitual http) e que o pago o efectuamos a través de canles que permiten coñecer a identidade e fiabilidade do destinatario (o seu 'rastro').
Ademais, aconsellan revisar de forma periódica as contas correntes, para así poder detectar pagos non desexados, estrañas cobranzas e demais e que o internauta saiba en todo momento que, como (en que condicións) e a quen compra, contando coa máxima confianza na Web.
A maiores, recomendan precaución cos servizos ou contratos aos que un queda subscrito de forma automática sen sabelo. Neste sentido, o consello supón coñecer que números estamos a marcar (tarifas normais ou non, que utilidade directa ten, etc.).
Relacionadas:
-
Dispositivo especial da Policía Nacional para garantir un comercio seguro este Nadal
Por Redacción |
-
Un pontevedrés, entre as vítimas dun estafador que vendía entradas para concertos e non as entregaba
Por Redacción |
-
Denuncian unha vintena de anuncios de venda ilegal de cans na provincia
Por Oskar Viéitez |