Cerdedo-Cotobade acondiciona as praias fluviais para a tempada de baño
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar as labores de acondicionamento, mellora e limpeza das praias fluviais e das zonas acuáticas de lecer do municipio para telas nas mellores condicións para a tempada de baño 2019, que xa comezou timidamente cos días de calor das pasadas semanas e que se intensificará a partires da segunda quincena do presente mes de xuño.
Estas tarefas comezaron na zona de baño de Calvelo, aos pés do río Lérez e pertencente á parroquia de Tenorio, na que se procedeu á rexeneración e dotación de area e na que se acometeron desbroces manuais e outras labores de limpeza nos espazos destinados aos merendeiros co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar do seu tempo libre nun lugar axeitado que ademais conta co atractivo da ponte colgante.
Está previsto que nos vindeiros días se sigan acometendo outros traballos similares nos outros cinco espazos de baño cos que conta o concello, pero o alcalde en funcións, Jorge Cubela, advirte de que estas actuacións "teñen que ser moi sinxelas e manuais, xa que hai que respectar as contornas dos ríos, co seu correspondente valor natural, para manter e preservar a axeitada protección ambiental das mesmas".
O Concello de Cerdedo-Cotobade lidera este verán, por segundo ano consecutivo, a oferta de praias fluviais e de zonas de baño de augas continentais en toda Galicia, xa que dispón novamente de ata seis espazos catalogados para este lecer no censo oficial da Consellería de Sanidade e todos eles cunha calidade das augas de primeiro nivel.
Así, ademais da citada contorna en Calvelo, tamén figuran as áreas de Carballedo, Xesteira (Almofrei) e Pozo Negro (Rebordelo) bañadas polo río Almofrei, Viascón co río Cabanelas e a praia fluvial de Cerdedo.