"Non podemos deixar os nosos fillos unha balsa de merda"
Por Oskar Viéitez
"A ría deunos todo o que temos, así que debemos remover as nosas conciencias para ver que lle debemos moito. Non podemos deixarlle aos nosos fillos unha balsa de merda, senón un legado que nos permita ter un bo futuro a todos". Así se dixo este sábado no manifesto lido durante a protesta para reivindicar o saneamento da ría de Pontevedra.
Convocados polo colectivo SOS Ría de Pontevedra, un "movemento de todos e non só dos que vivimos da ría", este sábado, coincidindo co Día dos Océanos, tivo lugar unha protesta na que participaron unhas 40 embarcacións e numerosos veciños desde terra para reclamar ás administracións públicas unha solución a este grave problema de contaminación.
Os manifestantes esixiron "ao presidente da Xunta, ao Goberno central e aos concellos da ría" que "adopten dunha vez por todas as medidas oportunas".
Demandan un plan integral de saneamento "coherente que non sexa un parche como o que nos presentaron" así como a construción de depuradoras independentes en todos os núcleos de poboación que superen os 10.000 habitantes e que o novo emisario exterior "leve a vertedura fóra das zonas de marisqueo, de cultivo de mexillón e das praias".
O presidente da Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, Andrés Ruano, expresou o hartazgo que senten despois de levar cinco anos participando coa Xunta e os concellos nunha mesa de negociación "para non avanzar nada".
Durante a protesta deste sábado os barcos sinalizaron cunha boia o punto no que se atopa roto o emisario submarino e, como mostraron nun vídeo, vértense augas residuais que, entre outras moitas consecuencias, provocou que unha zona de bateas próxima non sexa apta para a comercialización de mexillóns en fresco, ao ser declarada como zona C.
Tamén se lembrou a falta de depuración nas parroquias de Raxó e Samieira e as verteduras procedentes do porto de Marín.
No manifesto lembrouse que durante décadas "as autoridades fixeron oídos xordos" a estes problemas de depuración que sofren "125.000 persoas durante todo o ano e moitas máis no verán" mentres os veciños "pagamos recibos de saneamento por un servizo que non temos".
Esta falta de saneamento xa provocou "o peche de bancos marisqueiros e mexilloeiros" e un "descenso do volume de pesca", e as praias xa empezan a non ser aptas para o baño.