O PP demanda mellor accesibilidade en todos os edificios municipais de Poio
Por Redacción
O PP de Poio solicitou esta semana unha revisión xeral da accesibilidade nos edificios e locais de titularidade municipal para "garantir os dereitos de todos" e asegurar a liberdade de movementos das persoas con cadeiras de rodas e de veciños con mobilidade reducida.
A concelleira Rocío Cochón fixo esta demanda a raíz do sucedido cun usuario de cadeira de rodas durante a cerimonia de graduación do IES de Poio celebrada o pasado venres no Centro Cultural Xaime Illa, que carece de rampla de acceso.
Segundo denuncia o PP, a cadeira de rodas non puido superar a elevada beirarrúa e a persoa afectada tivo que retroceder bastantes metros desde a entrada principal pola estrada e entre os coches aparcados, asumindo uns riscos e uns esforzos "difíciles de entender nun edificio público e a estas alturas".
A concelleira tamén reporta problemas de accesibilidade no Pazo de Besada, que ten numerosas escaleiras en calquera dos seus accesos, ou na biblioteca de Campelo, que ten dous accesos externos con escaleiras insalvables e outra barreira arquitectónica na porta.
Ademais, denuncia que noutros lugares do municipio os veciños con cadeira de rodas, con problemas de mobilidade, con carriños de bebé e outras necesidades teñen que superar beirarrúas en mal estado, obstáculos de todo tipo ou mesmo a ausencia de beirarrúas.
Neste sentido, recordou as múltiples denuncias por esta situación nestes últimos anos, non só desde o Partido Popular, senón polos usuarios do centro de neuro-recuperación, veciños de San Salvador e outras parroquias ou distintas asociacións.