Coñeces Marín? Sete imprescindibles que non deberías perder
A mancomunidade turística de Terras de Pontevedra conta cunhas paisaxes marabillosas que namoran aos viaxeiros que visitan as Rías Baixas. As praias de Marín son algunhas delas, pero isto non é o único que oferta o concello.
Neste artigo percorremos algúns dos lugares e as actividades imprescindibles que non te podes perder na túa próxima visita a Marín.
1- O CASCO ANTIGO DE MARÍN
Famosa pola Escola Naval, Marín ten tamén un coqueto casco antigo de orixe medieval. Na Praza do Reloxo, as antigas casas de pescadores conviven coa señorial Casa das Irmás Fontenla, así como con algunhas das casas que pertencían aos corsarios ao servizo do rei. Tamén atopamos aquí o Templo Vello, unha igrexa de aspecto barroco de orixe no século XII, cando se estableceu aquí o Convento de Oseira.
A Praza de Abastos, a Alameda cos seus xardíns e o Palco da Música ou o Museo Manuel Torres, son outros dos puntos que ben merecen unha visita.
2- LABIRINTOS DE MOGOR
A poucos metros da Praia de Mogor, atópase un dos petróglifos máis representativos de toda Galicia: A Pedra do Labirinto. Este labirinto, que durante anos compuxo a imaxe turística de Galicia, é tamén un dos grandes enigmas da arte rupestre, con sete composicións circulares que, xunto coa Pedra dos Campiños e a Pedra dos Mouros, poñen en contacto as tradicións rupestres do Atlántico e do Mediterráneo.
A mellor hora para intentar descubrir os seus segredos e o tesouro que, segundo a lenda popular, se agocha debaixo destas rochas, é no solpor. O Centro de Interpretación, que se atopa ao pé da área arqueolóxica, organiza visitas guiadas ao longo do ano, tanto diúrnas como nocturnas (reserva previa obrigatoria na tempada baixa.)
3- CASTRO DA SUBIDÁ
Os Labirintos de Mogor non son a única mostra do pasado prehistórico de Marín. Moi preto da vila de Marín atópase o Castro da Subidá, un asentamento datado entre os séculos I e IV dC.
Os restos deste castro fálannos dunha economía baseada na agricultura e a gandería, pero tamén no marisqueo e no comercio con outros lugares de Europa. Ademais, o sitio ofrece unhas incribles vistas de Marín, a Illa de Tambo e a Ría de Pontevedra.
No Museo de Pontevedra pódense visitar algúns dos materiais que se atoparon nas distintas escavacións realizadas neste castro.
4- GRANXA DE BRIZ
A Granxa de Briz, tamén coñecida como Parque dos Sentidos, atópase no que fora a antiga "granxa da costa" dos monxes de Oseira.
Preto de 24.000 metros cadrados deseñados para que nenos e maiores gocen con todos os sentidos a través de xogos infantís, esculturas en madeira, estanques, instrumentos musicais, un auditorio e frondosas árbores.
Outro gran favorito das familias é o Lago Castiñeiras, que Marín comparte con Vilaboa. Este gran miradoiro natural conta cunha área recreativa, un Centro de Recuperación da Fauna Silvestre e un dos campos de dólmenes máis importantes de Galicia, no que se atopa a famosa Mámoa do Rei.
5- OS ROTEIROS DE SENDEIRISMO
A natureza que rodea Marín pódese explorar a través dos distintos roteiros que oferta a localidade. Un dos mais coñecidos é o dos Cinco Miradoiros, un roteiro circular de 10 quilómetros e dificultade media-baixa que mostra algunhas das panorámicas mais impoñentes da Ría de Pontevedra.
De maior dificultade, o roteiro do Monte Penizas é un percorrido lineal de 6 quilómetros que alterna tramos de estrada e camiños para alcanzar un dos grandes miradoiros sobre a ría e visitar dous dos monumentos de arquitectura relixiosa mais destacables do municipio: Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro. Existe unha desviación aos Muíños do Loira que engade case un quilómetro á ruta, pero transcorre por unha área de gran beleza natural.
Ademais, o Concello de Marín organiza andainas para todos os públicos que percorren en grupo estes e outros roteiros da zona. Mais información e inscrición na páxina web da Área de Turismo.
6- A DANZA DAS ESPADAS
A Festa de San Miguel celébrase a finais de setembro, desde 1639. Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia pola súa antigüidade, singularidade, arraigo e valor cultural, vai acompañada da Danza das Espadas, un baile centenario que interpretan homes e mulleres en ofrenda a San Miguel, patrón do Gremio de Mareantes.
Á festa patronal únese a festa popular de San Migueleiro, unha ruta polos locais gastronómicos da cidade, acompañada de charangas e concertos, que atrae a mozos e familias de toda Galicia e moitos outros lugares de España e Portugal.
Outras festas populares son as Festas do Carme, a principios do mes de xullo, e a Festa da Cigala, a finais do mesmo mes.
7- AS PRAIS DE MARÍN
Pode que non sexan a única razón para visitar Marín, pero son sen dúbida un dos imprescindibles que non te deberías perder: Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e Lapamán son algúns dos mellores areais das Rías Baixas.
Á súa beleza natural, auga cristalina e envexable area fina, súmase que o Concello de Marín é o primeiro concello de Galicia en contar coa certificación EMAS de xestión medio ambiental para as súas praias e, todas elas salvo A Coviña, contan coa bandeira azul.
Hai moitas opcións para aparcar na zona, pero quizais a mellor forma de visitalas é a pe ou en bicicleta a través da Rota das Praias, un sendeiro lineal que vai de Portocelo á Praia do Santo do Mar e que foi recoñecido como Sendeiro Azul.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org
Relacionadas:
-
O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor abrirá en Semana Santa
Por Redacción |
-
Catro fotografías de premio para promocionar ás Terras de Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha App reunirá toda a oferta e os servizos turísticos de Marín
Por Redacción |
-
Completa posta a punto das praias marinenses
Por Redacción |