A mellora da rúa da Pedra comezará a executarse a primeiros de xullo
Por Redacción
A veciñanza da Rúa da Pedra mantiña un encontro este luns con Félix Juncal, alcalde de Bueu, para ter datos das obras de humanización que se van a acometer nesta zona a principios do mes de xullo.
Esta obra conta cun orzamento que supera os 416.108 euros e realízase dentro do Plan de Remodelación de Viarios Municipais da Deputación de Pontevedra. As empresas que queiran presentar as súas ofertas económicas para realizar a obra terán de prazo ata este martes. Polo momento presentáronse seis e o mércores coñeceranse todas na mesa de contratación.
A Rúa da Pedra conta cunha alta mobilidade coa presenza de centros de ensino, o pavillón municipal Pablo Herbello ou o centro de saúde. Segundo o goberno local, nestes momentos a rúa conta cunha estrutura insuficiente para garantir a seguridade e a accesibilidade debido ao gran volume de tráfico motorizado e peonil que se concentra neste espazo.
Está previsto actualizar as redes de abastecemento e saneamento actuais coa mellora do acceso e da circulación, con beirarrúas máis anchas e a supresión das barreiras arquitectónicas.
Félix Juncal explicou á veciñanza que se estuda a creación de dúas áreas de aparcamento, unha de 90 prazas fronte ao pavillón e outra de 25 fronte ao colexio da Pedra. O goberno local quere comezar os traballos no inicio de xullo para aproveitar as condicións meteorolóxicas e a baixada de actividade nesta zona durante os meses de verán.