Cuntis reabre a súa piscina municipal para afrontar a tempada estival
Por Redacción
Operarios municipais ultiman os traballos para poñer a punto a piscina de Cuntis. O obxectivo é que poida reabrir as súas portas esta fin de semana.
Desde hai días, os traballadores están a levar a cabo labores de limpeza, mantemento, restauración e reparación dos equipamentos da piscina para deixala lista para a tempada de verán.
Estas tarefas centráronse na limpeza a presión do vaso da piscina e, nas próximas horas, procederase ao enchido do mesmo para deixalo preparado para esta fin de semana.
A xestión da piscina municipal está adxudicada a unha empresa privada que asume tamén os labores de vixilancia e socorrismo das mesmas coa presenza de polo menos un socorrista durante todo o horario de apertura.
Aínda que a piscina abra esta fin de semana, os habituais servizos adicionais que se ofrecen na piscina están aínda pendentes de deseñar.
O Concello explica que nunhas semanas publicará un bando para informar das datas e prazas dos cursos de natación, entre outras cuestións, actividades dirixidas a diferentes grupos de idade e que teñen como obxectivo dinamizar o lecer durante os meses de verán e mellorar o estilo de vida e saúde dos veciños do municipio.
Cada ano, decenas de cuntienses acoden á piscina do Campo da Feira, en pleno centro de Cuntis, para refrescarse, pasar o día con amigos e levar da mellor maneira posible as altas temperaturas que se dan na vila durante a época estival.
"É unha alternativa moi boa para aqueles veciños que non teñen tempo ou medios para desprazarse ata as praias", explica o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sobre a importancia que este tipo de instalacións teñen en municipios sen costa.