Pont-Up Store prepara a súa sexta edición pensando nos emprendedores novos e nos senior
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pont-Up Store prepara a sexta edición desta iniciativa aberta a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento. O evento foi presentado este martes nunha rolda de prensa na que se visibilizou o apoio da Deputación e do Concello de Pontevedra a esta iniciativa enmarcada no Campus Crea da Universidade de Vigo.
Tralo éxito das pasadas edicións, o Pont Up Store 2019 é o "espazo de referencia do novo emprendemento en Galicia e o noroeste peninsular", como amosan os preto de 250 proxectos emprendedores reais e en funcionamento que son exemplo da capacidade de iniciativa e creatividade existente.
Trátase dun evento multisectorial con proxectos que proveñen dun gran abano de sectores de actividade procedentes tanto do ámbito urbano coma do rural cunha gran calidade contrastada derivada dun rigoroso proceso de selección das numerosas candidaturas recibidas cada edición.
Esta sexta edición se desenvolverá do 19 ao 21 de setembro en Pontevedra. Hai tres modalidades de participación: presentar un proxecto nunha das 33 casetas gratuítas dispoñibles; propoñer actividades demostrativas; e participar no Puntazo Exprés, no que dez empresas serán seleccionadas para expoñer a súa iniciativa en 5 minutos aos representantes das firmas EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xancela.
"O impulso da xente valente" é o lema e a idea de referencia deste ano no que reforzarase o espazo dedicado á industria dos videoxogos, e se presentará a Hobbypont que reunirá a xente relaacionada cos videoxogos, cómic, xogos de mesa ou animación.
Outra novidade deste encontro será o espazo para os emprendementos senior, é dicir, empresas lideradas por persoas que xa se xubilaron pero que buscan continuar activas.