Os veciños de Eduardo Pondal quedan sen fogueira de San Xoán
Por Oskar Viéitez
A asociación de veciños Eduardo Pondal emitiu un comunicado no que anuncia que este ano non farán a tradicional fogueira de San Xoán.
A decisión, "moi ao noso pesar" segundo os veciños, adoptouse nunha reunión da xunta directiva da asociación celebrada o pasado martes 28 de maio despois dun longo debate de máis de dúas horas no que analizaron toda a situación e as alternativas posibles.
Segundo explicaron desde a asociación que preside Begoña Mallo, ao coincidir este ano a festa en domingo preséntanse unha serie de problemas, tanto loxísticos como económicos, "difíciles de solucionar".
En primeiro lugar está a "imposibilidade" de ofrecer sardiña fresca xa que os domingos non se pode comprar o produto. Valoraron recorrer á sardiña conxelada, pero a asociación non dispón de capacidade de almacenar en frío o produto ata o seu uso e alugar unha nave de frío.
"Incrementaría o gasto en demasía", así como o "esforzo humano", xa que faría falta "o dobre de persoas e o dobre de esforzo" para que a sardiñada non baixe o nivel de calidade ofrecido nos últimos anos, sinalan desde a organización.
A directiva lamenta profundamente esta decisión de cancelar esta actividade. "Pedimos desculpas, esperamos contar con vós para o resto das importantes actividades que realizamos e, por suposto, recuperar o ano que vén a nosa tradicional cacharela de San Xoán".