O Colexio de Médicos continuará coas charlas formativas en colaboración coa Deputación
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de asinar un convenio co Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra a través do cal se renova a colaboración para continuar co programa "Tempo de saúde".
Esta iniciativa, lanzada o ano pasado por primeira vez, "tivo unha grande acollida e estamos moi contentas de poder revalidar este proxecto que nos permite seguir espallando información sobre diferentes aspectos relacionados coa saúde polos concellos da nosa provincia", dixo Silva.
En concreto, este ano vanse organizar 22 accións formativas en 22 municipios da provincia dirixidas á xuventude, terceira idade e asociacións e entidades de iniciativa social. O obxectivo principal desta actividade é informar e formar á cidadanía en cuestións como as enfermidades de transmisión sexual, a nutrición, saúde e trastornos alimentarios, o alzhéimer, as enfermidades neurodexenerativas e os trastornos depresivos e ansiedade.
As accións formativas, que terán unha hora de duración cada unha, serán impartidas por profesionais da medicina seleccionados polo Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. Ao remate de cada unha das conferencias abrirase un coloquio coa finalidade de que os asistentes poidan aclarar dúbidas relacionadas coa saúde.