A escola Abrente convértese en 'Nunca xamais' para celebrar o fin de curso
Por Redacción
O país de 'Nunca xamais' cobrou vida nunha pequena escola de Portonovo. Todo iso para celebrar o final de curso cun musical no que participaron uns actores que, a pesar da súa mocidade, amosaron moito talento sobre o escenario.
Nenos dun e dous anos foron os protagonistas da representación do musical Peter Pan, que se converteu no principal atractivo do festival da escola infantil Abrente.
Sobre o escenario non faltaron os piratas, que atracaron a bordo dun gran barco, os indios cos seus tambores ou os crocodilos, que chegaron sobre uns orixinais carros.
Todos os participantes foron recibidos cos calorosos aplausos de pais, nais e o resto dos seus familiares.
O festival concluíu coa entrega de orlas aos nenos e nenas de dous anos, que xa concluíron o primeiro ciclo da súa educación infantil.