A Brilat e a Garda Civil ensaiarán un ataque terrorista con bomba química en Ponte Caldelas
Por Redacción
Un batallón da Brilat e un continxente da Garda Civil, composto por varias especialidades, realizarán unha exhibición o próximo día 19 en Ponte Caldelas en colaboración co Concello, co gallo da celebración do 210º aniversario da batalla contra os franceses librada ás beiras do río Verdugo.
O alcalde, Andrés Díaz, coordinou a preparación dos actos co brigada Antonio González e o suboficial maior Alberto Collazo, da Brilat, e o comandante José Corral, da Garda Civil. A celebración realizarase no amplo espazo composto pola praza de España e a Alameda.
A Brilat estará en Ponte Caldelas os días 19 e 20 e fará noite no Pavillón dos Deportes. A xornada do 19 comezará cedo, cunha marcha duns 20 quilómetros polas beiras do Verdugo, polos mesmos escenarios nos que se produciu a batalla contra as tropas do xeneral Ney o 8 de xuño de 1809.
O acto público comezará ás 17.30 horas, cando un pelotón de protección equipado desprazarase pola rúa da Ponte ata a praza de España, onde se simulará un ataque terrorista cun suposto suicida que detonaría unha bomba sucia química. A ameaza será controlada polo pelotón e un equipo de recoñecemento, equipado con traxes de protección Radiolóxica, Nuclear, Biolóxica e Química (NBQ). O escenario recreado inclúe unha baixa no pelotón e a súa evacuación cunha ambulancia especializada. A Garda Civil participará establecendo un control de estradas diante dun incidente destas características.
O simulacro está pensado para ser presenciado polo público dende as zonas que se acouten debidamente. Ademais contará cun presentador que irá relatando os diferentes pasos e actuacións que se van desenvolver sobre o terreo. Ao remate celebrarase unha homenaxe aos caídos depositando unha coroa de loureiro diante dun fito.
A exhibición inclúe tamén o despregue de medios da Brilat como un vehículo Uro Vamtac Tow, equipado con mísiles anti-carro. Tamén haberá dúas motocicletas da Policía Militar e o avión non tripulado Raven, dotado con cámara térmica e utilizado, entre outros fins, para a vixilancia dos montes durante a Operación Centinela.
Na Alameda de Ponte Caldelas haberá estacións militares e da Benemérita con despregamento doutros medios que poderán visitarse durante toda a tarde. Así, a Garda Civil tamén ten previsto enviar dotación de Tráfico e, moi posiblemente, ao equipo técnico de explosivos Tédax.
A xornada complétase coa presencia dunha parte da Banda de Guerra da Brilat, que ofrecerá un miniconcerto coa interpretación de diferentes pezas, fundamentalmente galegas, presididas pola Muiñeira de Ponte Sampaio, en alusión á batalla contra as tropas napoleónicas.
Relacionadas:
-
O alumnado de Ponte Caldelas coñece os segredos da Garda Civil
Por Redacción |
-
Recollen en Vilagarcía unha granada e un proxectil da Guerra Civil
Por Redacción |
-
A Garda Civil e a Brilat conmemoran o mércores en Ponte Caldelas o 210 aniversario da batalla contra os franceses
Por Redacción |
-
A Brilat, de marcha por Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Aprazada a exhibición da Brilat e a Garda Civil en Ponte Caldelas polo mal tempo
Por Redacción |