Maica Larriba destaca o incremento da seguridade cidadá en Sanxenxo
Por Redacción
A subdelegada de Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, coordinou durante este mércores a xunta local de seguridade de Sanxenxo. Nela participaron o tenente coronel xefe da comandancia da Garda Civil, Manuel Touceda, o alcalde da localidade, Telmo Martín, e representantes da Policía Local, Bombeiros e Tráfico.
O alcalde de Sanxenxo quixo agradecer á subdelegada do goberno o interese manifesto aos problemas de seguridade e tráfico que se duplican nesta cidade no tempo estival. A isto, lembraba Maica Larriba que Sanxenxo convértese na terceira cidade galega máis poboada durante o verán, e por tanto, "é prioridade seguir mantendo estes datos positivos cos efectivos e a coordinación eficiente como ata agora".
Nesta reunión de coordinación, a delegada de goberno destacou a "tendencia á baixa" das infraccións penais, xa que no últimos catro meses deste ano mantense esta diminución, cunha baixada do 3,68%, unhas porcentaxes que confirman a continuidade decrecente desde 2018.
Ademais, o traballo que realizan as forzas e corpos de seguridade arroxan igualmente un nivel de efectividade progresiva, situándoa nun 5,49 por cento superior nestas mesmas datas respecto ao ano pasado en canto ao esclarecemento das infraccións penais. Os delitos graves e os menos graves contra o patrimonio reducíronse o ano pasado nun 3,98 per cento e os delitos contra as persoas tamén rexistraron un descenso do 11,76 por cento con respecto a 2018.
Con estes datos consolídase o traballo coordinado entre os diferentes corpos de seguridade na provincia. Ademais, a reunión serviu para seguir traballando neste sentido e, especialmente, para a tempada estival, cando se sostén un maior tránsito de persoas. Respecto a isto, a subdelegada do Goberno quixo recalcar unha das preocupacións veciñais sobre o funcionamento do cuartel da Garda Civil.
Por iso, informou á cidadanía que "o servizo prestado en Sanxenxo é de 24 horas, de forma permanente xa que conta co teléfono 062 para calquera incidencia ou denuncia cidadá. A dotación de persoal está presente "de forma constante e coordinada" co servizo de patrullaxe na poboación. A este respecto o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, quixo aclarar o funcionamento do cuartel e a vixilancia para a tranquilidade da poboación de Sanxenxo, unha das máis importantes a nivel provincial.
Maica Larriba sinalou outro dos temas tratados como os datos sobre a violencia de xénero, concretándoo na comarca do Salnés, para seguir ofrecendo a máxima colaboración entre os servizos municipais e co apoio da propia oficina da subdelegación do Goberno, subliñando que "as vítimas saiban que sempre van ter todo o apoio das administracións e a propia sociedade".