Orellas á vista e escaneos aleatorios nos exames da "selectividade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Cos habituais nervios máis de 11.000 estudantes comezaron este mércores en toda Galicia á ABAU, a avaliación de Bacharelato para o acceso á universidade, que é como agora se chama a antiga proba de selectividade. 1.080 de ellos lo hacen en Pontevedra, procedentes de 29 institutos, 393 realizan a ABAU na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, 362 fano na Escola de Enxeñaría Forestal e 325 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Esta nova edición da ABAU chega así mesmo coa novidade da incorporación de detectores de frecuencia para a realización no transcurso dos exames de escaneos aleatorios nas aulas. Orellas á vista, como o ano pasado, e a obrigación de prescindir do móbil e de reloxos intelixentes ou calquera outro dispositivo electrónico para facer a proba.
Neste inicio da ABAU, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo o acento na necesidade de que "con certa urxencia" se trate de "limar esas diferenzas que aparentemente existen" no grao de dificultade destas probas entre as diferentes autonomías, unha problemática que será abordada pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.
Para Reigosa "é obvio que cunha proba única e cuns procedementos de corrección semellantes está solucionado o problema". Non obstante, o reitor matizou que dado que as probas teñen tamén as súas "peculiaridades" nas distintas autonomías, podería optarse por "outras solucións", como, por exemplo, "ser máis estritos cos criterios de avaliación".
O reitor fixo estas declaracións nunha visita ao Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE na cidade de Pontevedra, onde realizan a ABAU dez estudantes con necesidades especiais.
Son alumnos con algunha discapacidade que precisan de adaptacións como a tradución dos exames ao braille. "Estamos aquí para facer unha dobre homenaxe", destacou Reigosa que quixo poñer en valor o esforzo "destes heroes" chegados de diferentes puntos de Galicia, á vez que "agradecer extraordinariamente" o traballo que realiza a ONCE "para que as persoas con discapacidade poidan realizar unha carreira universitaria".
Reigosa tamén puxo en valor o traballo realizado polos responsables da ABAU "mellorando cada ano os procedementos para que a xente teña igualdade de oportunidades". Son adaptacións que teñen por obxecto "tratar con igualdade aos desiguais", completou José Ángel Abraldes, director do CRE, un centro que colabora con estas probas desde hai 26 anos.