Unha muller acepta dous anos de prisión por cobrar durante 20 anos a pensión do seu avó falecido
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Unha veciña da Estrada aceptou unha condena de dous anos de prisión por cobrar durante 20 anos a pensión do seu avó falecido. O xuízo celebrouse este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A acusada aceptou en conformidade a pena solicitada inicialmente pola Fiscalía no seu escrito de acusación, recoñecendo expresamente que non informou á Seguridade Social e ao Banco Santander que o seu avó morrera, polo que desde xaneiro do 1996 ata outubro de 2016, cando o home tería uns 105 anos, continuou cobrando a pensión mensual do ancián ata un total de 132.000 euros.
No ano 1997 a pensión de xubilación ascendía a 329,50 euros mensuais e, foise incrementando progresivamente ata os 603,50 euros ao mes que cobrou en outubro de 2016.
O único que non chegou a un acordo é o Banco de Santander coa Seguridade Social porque está obrigado a pagar subsidiariamente. Xa abonou 33.010 euros e rexeita pagar o resto.
O fiscal Juan Carlos Aladro explicou que "a acusada nestas circunstancias é insolvente" polo que o problema é entre o banco, que naquel momento funcionaba como pagador, e a entidade que enviaba as remesas mensuais, que é a Seguridade Social.
"Evidentemente la Fiscalía sostiene que ha habido una negligencia porque nadie se encargó de comprobar que durante todos esos años no se habían hecho esos pagos", explicou Juan Carlos Aladro.
Unha cuestión de índole puramente xurídica que foi o que os avogados das entidades prexudicadas trataron de argumentar durante o xuízo. Insistindo o letrado do Banco Santander en que non era "imperativo" que a entidade realizase estas comprobacións unha cuestión na que discrepa o representante do Instituto Nacional da Seguridade Social que aludiu á xurisprudencia do Supremo para soster que lle corresponde ao banco realizar os controis de vivencia.
A responsabilidade inicialmente é da acusada, pero "debió haberse comprobado por ambos", entende o fiscal, xa que nin a Seguridade Social nin o Banco Santander esixiron á acusada durante todo ese tempo unha fe de vida ou un certificado de que o seu avó estivese vivo.
O avogado que representa ao banco alegou durante o xuízo que só reintegrou á Seguridade Social a cantidade de 33.010 euros, ao parecer correspondentes ás pensións do últimos catro anos, ao alegar que as anteriores débedas están prescritas. Con todo a Fiscalía considera que este é un delito continuado polo que non acepta tal prescrición.
Finalmente a Fiscalía, ademais da pena citada de dous anos de prisión, pediu ao tribunal que lle impoña a pena accesoria de inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo polo mesmo tempo, así como a perda da posibilidade de obter subvencións e do dereito para gozar de beneficios ou incentivos fiscais da Seguridade Social durante seis anos.