O Grove, unha vila "irrecoñecible positivamente" para a presidenta da Deputación
Por Redacción
Dúas novas actuacións, valoradas en case 200.000 euros. Son as obras financiadas pola Deputación de Pontevedra que Carmela Silva, presidenta provincial, visitou este xoves no Grove. Tratouse das obras do desdobramento na avenida Beiramar e a construción do parque municipal de skateboard, BMX Roller.
"O Grove está irrecoñecible moi positivamente", declarou a presidenta, "porque este espazo non ten nada que ver co que visitei hai catro anos".
Acompañada polo alcalde José Cacabelos, Silva sinalou que "estamos convertendo a provincia nunha referencia en todo o que ten que ver coa recuperación do espazo público, coas políticas sociais e económicas" e avanzou que desde a Deputación "seguiremos apostando por isto".
Durante a súa intervención, Silva anunciou que remitirá unha carta ao presidente da Xunta de Galicia para recordarlle que esta provincia "é o motor económico dinamizador" e, polo tanto, Galicia "non terá futuro" se esta provincia "non ten os recursos, os investimentos e os proxectos que necesita para liderar un cambio que é imprescindible que fagamos".
Neste eido, a presidenta fixo fincapé en que "é necesario" aprobar un fondo local "incondicionado" para os concellos de toda Galicia, con criterios "obxectivos" e que sexa "exactamente igual ao que o fai a Deputación".
Pola súa banda, o alcalde do Grove anunciou o esperado paso adiante para a construción do auditorio da vila e avanzou a sinatura do contrato para este equipamento que, engadiu"vai a ser unha realidade si ou si".
En canto as obras financiadas polo Plan Concellos, o obxectivo do desdobramento da avenida Beiramar é reurbanizar e ordenar o tramo viario correspondente, resolvendo así os problemas de mobilidade e seguridade viaria, de accesibilidade e das redes de servizos no tramo comprendido entre a estación de Autobuses e o cruce coa rúa Castelao.
Sobre a construción do parque de skateboard, BMX roller, as obras comprenden a execución dunha base horizontal e a execución de distintos elementos como o bowl, pala, street, step up e cuarter, entre outros.
Nos catro anos de mandato, a Deputación de Pontevedra investiu no Grove preto de 7,5 millóns de euros cos que se puideron financiar unha trintena de actuacións e contratar 93 traballadores. Ademais, recibiron fondos de diversos plans para o futuro auditorio, obras de calmado de tráfico e melloras de accesibilidade.
Relacionadas:
-
O desdobramento de Beiramar farase en dúas fases para que as obras non afecten o turismo en xullo e agosto
Por Redacción |
-
Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga |
-
A Deputación construirá unha nova glorieta na estrada O Grove-San Vicente
Por Oskar Viéitez |