Bueu celebrará o 22 e 23 de xuño a festa das alfombras florais
Por Redacción
Máis de cincuenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da festa das alfombras do Corpus, que se celebrará a fin de semana do 22 e 23 de xuño e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e diversas actividades.
Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia e organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, arrancará o sábado co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que terá lugar ás 22 horas no exterior do Centro Social do Mar.
Ese mesmo día, ás 10 horas, a asociación realizará na pista da Banda do Río unha alfombra infantil sobre a "Banda de Vilacendoi " de Xulio Gayoso, na que se convida a participar aos pequenos da vila.
O domingo, a vila lucirá coas alfombras florais con temática musical durante todo o día. O percorrido será de 1,5 quilómetros e irá desde Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla, Francisco Escaneo e Montero Ríos.
Xa pola noite, os festexos culminarán coa actuación da orquestra Johnny Maquinaria, que se poderá ver ás nove e media da noite no exterior do centro social. Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión.