A corta de madeira en Outeiro permitirá acometer o ensanche do viario cara A Torre en Amil
Por Redacción
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, chegou nas últimas horas a un acordo cos propietarios de terreos afectados polas obras do ensanche do vial de Outeiro cara á Torre, na parroquia de Amil. A rexedora alcanzaba o acordo para cortar a madeira das árbores e, desta forma, resolvíase a situación para poder levar a cabo unha obra que está adxudicada por case 70.000 euros.
Este traballo permitirá a ampliación da pista nos seus 437 metros de lonxitude cara o lugar da Torre.
Luisa Piñeiro acordaba os prazos cos propietarios, de forma que algúns procederán a tallar as árbores para quedar coa leña nas próximas semanas mentres que, noutros casos, se encargara a eliminación destes exemplares para levar a cabo a obra de ensanche coa intención de corrixir o perfil de varias curvas do trazado e mellorar a seguridade viaria.
En leste mesmo mes de xuño asumiranse as obras coa renovación da capa de rodadura e a mellora da sinalización e a drenaxe. Ao mesmo tempo, tamén se iniciará a reforma viaria coa construción da senda peonil en Chan de Amil e a mellora das pistas da parroquia de Rebón coa humanización do acceso á igrexa parroquial.
Investiranse 315.000 euros, aproveitando plans da Deputación provincial, nestas tres obras que se desenvolverán ao longo de todo o verán, co obxectivo de que no outono se atopen finalizadas, segundo indican desde o goberno local.