Tres empresas interésanse no servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas
Por Redacción
Un total de tres empresas especializadas presentaron ofertas para a prestación do servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas. Son Idades, Ulla Sar e Son a túa axuda. Todas elas comprometéronse á subrogación das trece traballadoras e detallaron as súas ofertas no custo por hora do servizo, así como en prestacións ofertadas e medios dispoñibles.
A adxudicación definitiva está condicionada pola entrega da documentación pendente das empresas, así como pola toma de posesión da nova corporación, pois a adxudicación formal debe producirse en pleno ao superar o contrato o 10% dos recursos ordinarios.
Polo tanto, primeiro deberá tomar posesión a corporación, celebrarse o pleno organizativo e, finalmente, convocarse un pleno extraordinario para a adxudicación.
O contrato saíu a licitación cun prezo de 252.295,68 euros e unha duración dun ano, prorrogable por un segundo. Supón un incremento do 12% sobre o importe (225.000 euros) da actual empresa prestataria que, despois de dez anos, cesa nesta actividade.
O SAF de Ponte Caldelas atende na actualidade a 34 persoas, contempla a prestación de servizos de apoio para a vida diaria, axuda para outras actividades e axuda para a atención doméstica e da vivenda.
Unha das principais modificacións derivadas do novo contrato é a dignificación dos salarios das traballadoras, sinalan desde o goberno municipal.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas asina un convenio coa empresa que xestiona o SAF que favorecerá a contratación de 20 veciños
Por Redacción |
-
Unha empresa pontevedresa xestionará o SAF de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas licita o servizo de axuda no fogar con mellores condicións
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas licitará o servizo de axuda no fogar no último pleno do mandato
Por Redacción |